Repsol

Zugarramurdi, a vila das bruxas


A poboación de Zugarramurdi sitúase na bisbarra navarra de Xareta, a poucos quilómetros da fronteira con Francia. Con apenas 250 habitantes, é moi coñecida pola magnífica paisaxe de piñeiros e castiñeiros que a rodea, así como por unha impoñente cova esculpida pola auga. Pero Zugarramurdi debe a súa fama á desgracia duns cincuenta veciños que, no s. XVII, foron condenados pola Inquisición por practicar a bruxaría.

Un soño desafortunado. Dende o ano 2007, o municipio conta cun museo que narra a historia da bruxaría e a loucura inquisitorial que condenou á cacharela miles de inocentes por non comungar coa súa férrea doutrina. Corría o ano 1610 cando unha veciña de Zugarramurdi contou que vira en soños como uns veciños da vila participaban nun aquelarre na cova. O que debeu quedar nunha anécdota foi denunciado ante o tribunal da Inquisición de Logroño, que arrestou 53 parroquianos. A maioría morreu no cárcere e 11 arderon na cacharela. Moitos outros municipios de Navarra viviron episodios similares. O Museo das Bruxas organiza visitas guiadas pola vila, ademais de ser parte activa do Día das Bruxas; unha festa anual que se celebra dende a posta en marcha do museo.

A cova, lugar de prácticas secretas. O regueiro Orabidea escavou un túnel natural de 120 metros de longo e 12 metros de alto, con dúas galerías elevadas sobre o leito. O conxunto recibe o nome de Sorginen Leizea, que en éuscaro significa precisamente a cova das bruxas. Seguindo coas referencias esotéricas, a cavidade principal chámase Infernuko Erreka, ou o que é o mesmo, regata do inferno. A cova ofrece ao visitante un ambiente evocador: aínda que non presenta estalactitas nin pinturas rupestres, ten o encanto do misterio que a envolve. E é que aquí se levaban a cabo ritos pagáns e prácticas de medicina natural, moi enraizados na cultura popular e aceptados pola sociedade ata que se vincularon ao satanismo. Por certo, o termo aquelarre, que se utiliza para denominar as cerimonias de invocación do demo, ten a súa orixe en Zugarramurdi, porque xunto á gruta hai un prado chamado Akelarre ou Campo del Macho Cabrío. Dándolle a volta ao concepto, cada 18 de agosto celébrase o Zikiro Jatea; unha festa gastronómica onde o protagonista é o cordeiro asado. A quen Zugarramurdi lle saiba a pouco e desexe practicar a espeleoloxía, o val do Baztán conta con covas idóneas para iso, como a de Ezkaldo.

Casas grandes nobres e rutas de contrabando. Ademais de visitar as grutas e o Museo das Bruxas, non podemos deixar de dar unha volta pola vila e observar a pintoresca mestura de arquitectura popular con pazos señoriais, como o de Dutario, que recorda as casas dos indianos. A construción máis antiga da vila é a de Beretxea, pois foi a única que sobreviviu ao incendio de 1793, provocado por tropas francesas da época da Revolución Francesa, durante a guerra da Convención ou do Rosellón, que salpicou ambos os dous lados da fronteira. Outro dos encantos da zona son os sendeiros que percorren o val e que utilizaban os contrabandistas no pasado. O máis importante é o que une as covas de Zugarramurdi coas de Sara e as deUrdax. O percorrido, duns 12 km, está ben sinalizado e é apto mesmo para familias con nenos.

Suxestións gastronómicas. A caza, o cordeiro asado ou os cogomelos, ademais dos excelentes queixos, forman parte da gastronomía da zona. Unha boa opción para degustar a típica comida vasco-navarra é o restaurante La Koska, situado enUrdax, a tan só 5 km de Zugarramurdi. Pero a 2 km, e xa en territorio francés, podemos gozar do restauranteIthurria establecemento que conta cun Sol Repsol. Entre os seus pratos estrela encontramos a piperrada (un prato a base de pemento, tomate e cebola), o foie-gras ou o xamón de Baiona. Na súa carta de viños predominan os viños franceses como o Burdeos, en convivencia co Armañac.